(Galicia) Instrucións para o acceso ás ensinanzas artísticas superiores 2012/2013


Jueves 26 de abril de 2012
por  Cuadernalia
popularidad : 1%  Visitas  83



(Galicia) Instrucións para o acceso ás ensinanzas artísticas superiores 2012-2013


RESOLUCIÓN do 13 de abril de 2012, da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, pola que se ditan instrucións para o acceso ás ensinanzas artísticas superiores reguladas pola Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, para os aspirantes que non estean en posesión do título de bacharelato.

O artigo 69.5 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, dispón que os maiores de dezanove anos de idade poderán acceder directamente ás ensinanzas artísticas superiores mediante a superación dunha proba específica, regulada e organizada polas administracións educativas, que acredite que o aspirante posúe a madureza en relación cos obxectivos do bacharelato e os coñecementos, habilidades e aptitudes necesarios para cursar con aproveitamento as correspondentes ensinanzas.

Para tal fin, as ordes do 30 de setembro de 2010 (DOG do 8 e 11 de outubro) polas que se establecen os plans de estudos das ensinanzas artísticas superiores en Música, Arte Dramática, Deseño, e Conservación e Restauración de Bens Culturais, dispoñen, no artigo 17, que os aspirantes que non estean en posesión do título de bacharelato ou equivalente, e teñan dezanove anos cumpridos no ano de realización das probas, deberán superar a proba establecida no citado artigo 69.5 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, debendo acreditar o aspirante os seus coñecementos e a madureza en relación cos obxectivos propios do bacharelato.

En consecuencia, procede ditar instrucións para o acceso do alumnado que se atope en tales circunstancias, para o curso 2012-2013, ás ensinanzas artísticas superiores de Música, Arte Dramática, Deseño, e Conservación e Restauración de Bens Culturais. Xa que logo, en virtude das atribucións que lle son conferidas polo Decreto 45/2012, do 19 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, esta dirección xeral

RESOLVE:

Convocar a proba de acceso para os aspirantes que non estean en posesión do título de bacharelato ou equivalente, e cumpran dezanove anos no ano 2012, ás ensinanzas artísticas superiores de Música, Arte Dramática, Deseño, e Conservación e Restauración de Bens Culturais, para o curso 2012-2013, que se rexerá polas seguintes instrucións:

Primeiro. Inscrición para realizar a proba.

a) A inscrición realizarase na secretaría dos seguintes centros educativos entre o día seguinte ao da publicación da presente resolución e o día 30 de maio, ambos inclusive:

– Conservatorio Superior de Música da Coruña.

– Conservatorio Superior de Música de Vigo.

– Escola de Arte e Superior de Deseño Pablo Picasso da Coruña.

– Escola de Arte e Superior de Deseño Mestre Mateo de Santiago de Compostela.

– Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón de Lugo.

– Escola de Arte e Superior de Deseño Antonio Faílde de Ourense.

– Escola Superior de Arte Dramática de Galicia.

– Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia.

b) Para a formalización das solicitudes de admisión, os centros superiores facilitaranlles ás persoas interesadas o modelo para o efecto. Unha vez cuberto, entregarase unha única instancia na secretaría do centro, xunto cunha copia compulsada do DNI ou NIE ou pasaporte.

c) Os centros superiores onde se realice a inscrición deberán enviarlle á dirección xeral, a través do correo electrónico sxeefp@edu.xunta.es, o día 31 de maio, a relación de persoas inscritas para realizar a proba de acceso, ordenadas alfabeticamente, con apelidos, nome e número do documento nacional de identidade ou do documento acreditativo.

d) A relación de persoas inscritas será exposta no taboleiro de anuncios de cada centro o día 1 de xuño, así como no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria: http://www.edu.xunta.es

e) Poderanse presentar reclamacións contra a listaxe provisional entre os días 1 e 5 de xuño, ambos incluídos, no mesmo centro onde se realizou a inscrición.

f) A relación definitiva de persoas admitidas e excluídas para a realización da proba farase pública o día 6 de xuño no taboleiro de anuncios de cada centro, así como no portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria: http://www.edu.xunta.es

Segundo. Desenvolvemento da proba.

a) A proba de acceso realizarase o día 8 de xuño, ás 9.00, no IES As Fontiñas de Santiago de Compostela, de acordo co seguinte horario:

– 9.00 h. Presentación.

– Das 9.30 ás 10.30: Lingua estranxeira (inglés ou francés).

– Das 10.30 ás 11.30: Lingua castelá e literatura.

– Das 12.00 ás 13.00: Lingua galega e literatura.

– Das 13.00 ás 14.00: Filosofía e cidadanía ou Historia da filosofía.

– Das 16.00 ás 17.00: Historia de España ou Ciencias para o mundo contemporáneo.

b) As persoas inscritas deberán presentar, para a realización da proba, o seu documento oficial de identidade e copia da folla de solicitude de inscrición.

Terceiro. Tribunal e cualificacións.

a) A proba de acceso será administrada e avaliada polo tribunal que se recolle no anexo a esta resolución.

b) Os membros deste tribunal terán dereito á percepción de asistencias de acordo co establecido no capítulo IV do Decreto 144/2001, do 7 de xuño.

c) A proba de acceso será cualificada cos termos de apto e non apto.

Cuarto. Admisión do alumnado.

a) Unha vez concluída a proba, o tribunal publicará a listaxe provisional de persoas que superaron e non superaron a proba, o día 11 de xuño, no taboleiro de anuncios de cada centro e a través do portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria:

http://www.edu.xunta.es

b) Poderanse presentar reclamacións contra as cualificacións provisionais os días 11 e 13 de xuño, ambos incluídos, ante o presidente do tribunal avaliador, no centro onde se realizase a inscrición. Neste mesmo período, os centros remitirán á Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, a través do correo electrónico sxeefp@edu.xunta.es, as reclamacións presentadas para proceder á súa revisión.

c) As cualificacións definitivas publicaranse o día 14 de xuño, no taboleiro de anuncios de cada centro e a través do portal educativo da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria: http://www.edu.xunta.es

d) Contra as cualificacións definitivas, a persoa interesada poderá interpoñer recurso de alzada no prazo dun mes desde o día seguinte ao da súa publicación, perante a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, segundo o disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999.

Quinto. Emisión de certificación.

Unha vez publicada a listaxe definitiva de aspirantes que superaron a proba, a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa remitirá, o día 15 de xuño, os correspondentes certificados de ter superada a proba aos centros onde os aspirantes realizaron a inscrición.





Archivos adjuntos/Descargar documentos:

Instrucións para o acceso ás ensinanzas (...)
Instrucións para o acceso ás ensinanzas (...)

Comentar el Artículo

  Facebook     Twitter     Google+     Sindicación RSS







Artículos Recientes

En esta sección

Etiquetas Relacionadas