(Galicia) CELGA. Cursos Preparatorios 2013

, por  Cuadernalia 239

(Galicia) CELGA. Cursos Preparatorios 2013


ORDE do 26 de agosto de 2013 pola que se convocan, con carácter gratuíto, cursos de linguaxe administrativa galega e cursos preparatorios para os certificados de lingua galega, Celga, que se realizarán nos períodos e nas escolas oficiais de idiomas de Galicia que se indican.

O Estatuto de autonomía para Galicia establece que os poderes públicos de Galicia deberán garantir o uso normal e oficial do idioma galego e potenciar o seu emprego. Neste sentido, o artigo 1 do Decreto 4/2013, do 10 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, dispón que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria é o órgano da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia ao cal lle corresponden as competencias e funcións en materia de promoción e ensino da lingua galega, así como a dirección, planificación, coordinación e execución da política lingüística da Xunta de Galicia.

Pola súa parte, o artigo 59 da Lei orgánica 2/2006, do 3 de maio, de educación, establece que as escolas oficiais de idiomas teñen por obxecto capacitar o alumnado para o emprego axeitado dos idiomas fóra das etapas ordinarias do sistema educativo, cunha organización en tres niveis: básico, intermedio e avanzado. Nesta mesma lei, no punto 4 do artigo 60, disponse que, de acordo co que establezan as administracións educativas, as escolas oficiais de idiomas poderán impartir cursos para a actualización dos coñecementos de idiomas e para a formación do profesorado e doutros colectivos profesionais.

Por iso, no uso das funcións que a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ten atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1. Obxecto

Esta orde ten por obxecto convocar, con carácter gratuíto, cursos de linguaxe administrativa galega de nivel medio e superior e cursos preparatorios para a consecución dos certificados de lingua galega (Celga), nos niveis 1, 2, 3 e 4, para o ano 2013, nas escolas oficiais de idiomas de Galicia que se indican nos anexos II e IV, respectivamente.

Os cursos impartiranse entre setembro de 2013 e febreiro de 2014, en horario de mañá ou de tarde.

Artigo 2. Beneficiarios dos cursos

a) Os cursos de linguaxe administrativa galega de nivel medio e superior van dirixidos ao persoal das diferentes administracións públicas de Galicia, exceptuando o persoal docente da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o persoal sanitario.

Toda persoa solicitante deberá encontrarse en situación de servizo activo ou ben en excedencia polo coidado dun/dunha fillo/a ou dun/dunha familiar; e aquela que ao inicio do curso se atope en situación de baixa laboral por incapacidade temporal quedará automaticamente excluída da listaxe do persoal seleccionado.

Poderán tamén solicitar a realización destes cursos as persoas maiores de dezaseis anos que non sexan empregados/as públicos/as e posúan os certificados ou acreditacións equivalentes recollidos na letra a) do artigo 3 desta orde. Neste suposto só se poderá optar ás prazas no caso de que non sexan cubertas por empregados/as públicos/as as prazas ofertadas para cada curso.

b) Os cursos preparatorios para os certificados de lingua galega, Celga, poderán ser solicitados por todas as persoas maiores de dezaseis anos, ou aquelas que os fagan no ano natural da convocatoria, que desexen preparar as probas convocadas pola Secretaría Xeral de Política Lingüística para certificar a súa competencia en lingua galega.

Artigo 3. Solicitudes e prazos

a) Para os cursos de linguaxe administrativa galega, as solicitudes presentaranse na secretaría da escola oficial de idiomas onde teña lugar o curso sen prexuízo da súa presentación en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado co selo de Correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

O prazo para a presentación das solicitudes será de 20 días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

O alumnado que aspire a participar nos cursos de linguaxe administrativa galega engadiralle ao modelo de solicitude o xustificante de ser persoal das diferentes administracións públicas de Galicia en situación de servizo activo ou excedencia polo coidado dun/dunha fillo/a ou dun/dunha familiar.

Para acceder ao curso medio de linguaxe administrativa os/as aspirantes deberán estar en posesión dalgún dos certificados seguintes: Celga 4, cursos de iniciación e perfeccionamento de lingua galega, curso básico de linguaxe administrativa galega, curso básico para o persoal da Administración de xustiza ou curso básico de linguaxe administrativa sanitaria.

Para acceder ao curso superior de linguaxe administrativa os/as aspirantes deberán estar en posesión dalgún dos certificados seguintes: curso medio de linguaxe administrativa galega, curso medio de linguaxe xurídica galega ou calquera dos cursos equivalentes a estes, que se establecen no punto 2 do artigo 5 da Orde do 13 de xuño de 2011 (DOG núm. 121, do 24 de xuño) pola que se regulan os cursos de linguaxe administrativa e xurídica galegas.

Non obstante o disposto nos parágrafos anteriores, só nos casos de validacións dos niveis correspondentes, deberán presentarse as correspondentes copias cotexadas xunto coa solicitude.

En todo caso, se nos arquivos da Administración non constase algún dos anteditos certificados, seralle solicitado á persoa interesada para que o achegue antes de comezar o curso.

Só se poderá facer unha solicitude dun único curso nunha soa escola oficial de idiomas. De existir máis dunha solicitude do/a mesmo/a aspirante, anularanse todas as súas peticións.

b) Para os cursos preparatorios de lingua galega, Celga, as solicitudes presentaranse na secretaría da escola oficial de idiomas onde teña lugar o curso, sen prexuízo da súa presentación en soporte papel por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, utilizando o formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.es.

En caso de enviarse por correo, o envío deberá ser certificado co selo de Correos na primeira folla do formulario para garantir que a data de remisión é anterior á de peche da convocatoria.

O prazo para a presentación das solicitudes será a partir do día seguinte ao da publicación desta orde e ata cinco días antes da data establecida por cada escola oficial de idiomas para o inicio do curso.

Artigo 4. Asignación das prazas

Os cursos terán un número mínimo de 15 participantes e un número máximo de 25.

No caso de que un curso non acade o número mínimo de solicitantes, a Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa poderá autorizar expresamente a súa realización. No caso de non realizarse o curso, a escola oficial de idiomas comunicarállelo ás persoas solicitantes.

Se un curso ten un número de solicitantes, que cumpran os requisitos, maior que o número de prazas dispoñibles, a asignación farase por sorteo. Finalizado o prazo de solicitude, cada escola fará un sorteo en acto público no que se extraerá unha letra de prioridade para o primeiro apelido.

As escolas oficiais de idiomas ordenarán alfabeticamente as listaxes de aspirantes que cumpran os requisitos para cada curso polo primeiro apelido, o segundo apelido, o primeiro nome e, de ser o caso, o segundo nome. As prazas para cada curso que se realice nesa escola adxudicaranse seguindo a orde da listaxe de aspirantes, e comezando pola primeira persoa cuxo primeiro apelido coincida coa letra obtida no sorteo. De non haber aspirantes co primeiro apelido da letra obtida no sorteo, pasarase á letra inmediatamente seguinte por orde alfabética.

As listas de seleccionados/as para participar tanto nos cursos de linguaxe administrativa galega como nos cursos preparatorios para os certificados de lingua galega, Celga, así como as datas de comezo destes, faranse públicas nos taboleiros de anuncios da escola oficial de idiomas en que terá lugar o curso e na súa páxina web.